jueves, 30 de junio de 2016

Exposición no Castelo de Sta Cruz.Oleiros na Sede do CEIDA ata 31 de xullo 2016 : COS PÉS NA AREA Exposición conxunta RetoqueRetro & Mar de Fábula



Os colectivos RetoqueRetro & Marde Fábula teñen o pracer de lle invitar á inauguración da exposición que terá lugar o próximo venres día 1º de xullo, ás 2030 horas, na instalacións do Ceida, no Castelo de Santa Cruz, Oleiros. A mostra estará aberta todo o mes.
Esta exposición é unha proposta de diálogo a tres bandas entre un mar que reclama a atención da sociedade actual devolvéndolle arreo aquelo que non é seu, e dous colectivos artísticos diferentes e ao tempo complementarios que, respondendo á súa chamada, integran nas súas obras, nunha íntima e paciente tarefa, as crebas e o lixo mariño que retiran da ribeira.
O equipo artístico de RetoqueRetro, seguindo a ancestral tradición galega de recoller tesouros procedentes de naufraxios e lugares lonxanos que o mar deposita nas praias, fan das crebas a sua peza estrela. Madeiras preesculpidas polas mareas e a intemperie e que eles rematan dándolles a forma que lles suxiren: barcos e peixes, faros e sereas, bosques e dragóns, seres mitolóxicos, zooides e humanoides......
Mar de Fábula fai do lixo mariño o alicerce da súa obra: Animais fantásticos de todas as formas e tamaños, con vísceras circulares e grandes ollos abraiados. Peixes, vermes, libeliñas, arañas e formigas, criaturas caóticas, mounstruosas pero inofensivas, xurdindo dos fondos abisais e sumidas no desconcerto porque saben que, en circunstancias normais, non deberan de existir porque todas teñen os seus corpos de plástico.
Esta exposición é tamén unha proposta conxunta de concienciación ambiental e fonte de inspiración que debera levarnos a un necesario replantexamento de relacións entre a sociedade actual e o mar. Toda a obra incorpora os residuos que o mar nos devolve con maior intensidade: O lixo – principalmente os plásticos- procedentes da desontrolada actividade humana. O lixo que se atopa nas praias é soamente a punta do iceberg da que seguramente sexa a meirande problemática ambiental que os humanos, os causantes, no queremos mirar...

No hay comentarios: